COGAMI inicia en Pontevedra un curso de Conserxe para mellorar a empregabilidade de 15 persoas con discapacidade


A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciou en Pontevedra un curso de Conserxe dirixido a persoas con discapacidade ou incapacidade laboral, no marco do programa Máis Emprego, orientado á inserción sociolaboral.

A acción formativa conta cun total de 15 participantes (10 homes e 5 mulleres) con idades comprendidas entre os 25 e os 61 anos, procedentes dos concellos de Pontevedra, Vilagarcía, Marín, Moraña e Caldas.

O curso ten unha duración total de 100 horas e estrutúrase en dous módulos: un módulo teórico, de 50 horas, que se desenvolverá ata o 10 de marzo en horario de 9 a 14 horas, e un módulo práctico, tamén de 50 horas, a partir do 11 de marzo  e ata o 10 de abril, que permitirá aplicar os coñecementos adquiridos nun contexto real de traballo.

Formación adaptada ás necesidades do mercado

As accións formativas do programa Máis Emprego son deseñadas tras analizar as demandas reais das empresas da contorna, co obxectivo de que as persoas participantes adquiran competencias directamente vinculadas ás necesidades do mercado laboral.

O programa desenvólvese, ademais de en Pontevedra, nos puntos que COGAMI ten en Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo. Está financiado pola Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus. O seu obxectivo é promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade das persoas participantes.

Dúas técnicas de orientación laboral encárganse da selección, orientación e capacitación das persoas a través de itinerarios personalizados, desenvolvendo labores de orientación, intermediación e prospección laboral, así como acompañamento durante todo o proceso ata a inserción.

Resultados consolidados

Dende o seu inicio en 2024, polo programa Máis Emprego pasaron 129 persoas con discapacidade ou incapacidade laboral da área de influencia de Pontevedra. Delas, 99 formáronse nalgún dos 14 cursos impartidos, ademais de obradoiros de competencias transversais, e 70 persoas lograron a súa inserción laboral tras pasar polo programa.

Entre as accións formativas desenvolvidas destacan cursos de acompañante de transporte escolar, carretilla e control de stock, conserxe/recepcionista, limpeza hospitalaria, manipulador de alimentos, monitor de comedor escolar, auxiliar de produtos frescos e manipulador de alimentos. Tamén se impartiron obradoiros de competencias dixitais, habilidades sociais para o ámbito laboral e preparación de entrevistas de traballo.

COGAMI anima ás persoas interesadas a informarse e inscribirse nas vindeiras accións formativas do programa Máis Emprego para mellorar a súa cualificación profesional e acceder ao mercado laboral cun acompañamento especializado. Poden contactar coas instalacións que temos en Pontevedra na rúa da Cruz Vermella, nº16, baixo. Teléfono 986 863 709 ou correo silpontevedra@cogami.gal

Galería de imaxes

Todas