COGAMI iniciou curso nas instalacións que ten en Santiago (rúa Modesto Brocos, nº7 baixos) de Reciclaxe e tratamento de residuos no marco da economía circular.
Un total de 8 persoas, todas elas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, son as que iniciaron este curso que contará cunha duración de 290 horas, das que 90 horas son teóricas e se imparten de luns a venres en horario de 9 a 14:00 horas e as 100 horas restantes son de prácticas.
Esta formación está cofinanciada por Fundación ONCE e a Unión Europea a través da convocatoria de axudas económicas para a selección de operacións para o reforzo da empregabilidade para persoas con discapacidade “Un a Un” 2023-2024. Programa de inclusión social, garantía infantil e loita contra a pobreza FSE+ 2021-2027
Ata o 26 de xuño, data na que rematará esta formación, o alumnado procedente dos concellos de Santiago, Oroso, Ames e Negreira, vai traballar contidos relacionados coa xestión de almacén, manexo de carretillas elevadoras, xestión de residuos, emprego verde, alfabetización dixital e formación no posto de traballo.
A través de formacións como esta que se está a levar a cabo en Santiago, preténdese dar resposta a unha demanda real de profesionais que traballen na reciclaxe e tratamento de residuos ao mesmo tempo que se mellora a oportunidade de empregabilidade destas oito persoas, todas elas apuntadas no Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI como demandantes de emprego.