COGAMI inicia en Vigo un curso de Comunicación en Lingua Galega para persoas desempregadas

COGAMI inicia en Vigo un curso de Comunicación en Lingua Galega para persoas desempregadas

 Podes descargar a nota 

COGAMI iniciou en Vigo un curso de Comunicación en Lingua Galega. Esta formación está recollida no Plan Formativo para o Emprego das persoas traballadoras desempregadas de Galicia pertencente á programación 2023-2024, denominado como AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) que financia a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. 

O curso, cunha duración total de 38 horas, impartirase nas instalacións que COGAMI ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo) en horario de 9 a 14 horas, tendo como data de remate o 28 de agosto. Esta formación, na que participan 10 persoas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual dos concellos de Vigo, Gondomar e Nigrán, ten como obxectivo mellorar as competencias lingüísticas en galego das persoas desempregadas, favorecendo así a súa inserción no mercado laboral.

Esta acción formativa pecha o ciclo de competencias clave que se impartiron ao longo deste ano en Vigo, entre os que se atopaban tamén os cursos de Competencia Matemática N2 e Comunicación en Lingua Castelá N2, ámbolos dous con 138 horas de duración.

“A maioría das persoas asistiron ás tres formacións, aínda que algunhas optaron por participar só nunha delas, xa fose porque era a única que lles quedaba ou porque, por diversos motivos, non puideron asistir ás demais”, indica a coordinadora do servizo de Emprego de COGAMI en Vigo, Sandra Araújo.

A través destas iniciativas, o Plan Formativo para o Emprego busca dotar ás persoas desempregadas das ferramentas necesarias para mellorar as súas habilidades e acceder a novas oportunidades laborais.

Galería de imaxes