COGAMI inicia formacións AFD para mellorar a empregabilidade no ámbito administrativo

O servizo de Formación de COGAMI inicia cursos de Actividades administrativas na relación co cliente que se están a impartir nas instalacións que a Confederación ten en A Coruña e Ferrol.

Estas accións formativas, dirixidas a persoas desempregadas de Galicia, enmárcanse no programa de formación para persoas traballadoras desempregadas da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2026-2027 (AFD) e están cofinanciadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Os cursos teñen unha duración total de 878 horas, das que 200 horas corresponderán á formación práctica en empresas. O programa inclúe contidos relacionados coa ofimática (167 horas), técnicas de recepción e comunicación (80 horas), operacións administrativas comerciais (141 horas), gravación de datos (80 horas), xestión de arquivos (53 horas) e lingua estranxeira profesional aplicada á xestión administrativa e á atención á clientela (79 horas). Ademais, incorpora formación transversal en prevención de riscos laborais, inserción laboral, sensibilización ambiental, igualdade de xénero e formación para a igualdade.

Na Coruña participan 11 persoas (10 mulleres e 1 home) procedentes dos concellos da Coruña, Culleredo, Arteixo, Sada e Carballo, con idades comprendidas entre os 20 e os 61 anos.

En Ferrol iniciaron a formación 9 persoas (5 mulleres e 4 homes) dos concellos de Ferrol, Narón, Ortigueira e Miño, con idades entre os 28 e os 54 anos.

As formacións desenvolveranse ata o mes de marzo, coa finalidade de mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e incrementar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral, coa obtención do certificado profesional.

Galería de imaxes

Todas