COGAMI lanza o Programa Integrado de Emprego 2024-2025 dirixido a persoas con discapacidade

COGAMI lanza o Programa Integrado de Emprego 2024-2025 dirixido a persoas con discapacidade

 Descarga nota en word

COGAMI pon en marcha o Programa Integrado de Emprego 2024-2025, unha iniciativa destinada á mellora da inserción laboral de 100 persoas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual que deben estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Traballo e Economía Social, o programa desenvolvérase, por un período de 12 meses, nas provincias de A Coruña e Pontevedra. Entre os obxectivos desta iniciativa destaca a inserción laboral do 40% das persoas participantes, mellorando as súa empregabilidade e facilitando o acceso ao mercado laboral.

Requisitos

As persoas interesadas en formar parte do programa deben cumprir requisitos como: contar cun certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual, atoparse en situación de desemprego e estar inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. As persoas interesadas en participar poden facelo contactando coas oficinas de COGAMI en A Coruña: 981 112 305; Santiago de Compostela: 981 574 698; Pontevedra: 986 863 709 e Vigo: 986 281 893.

Metodoloxía e aspectos innovadores

O Programa Integrado de Emprego inclúe actividades como a avaliación e orientación personalizada, obradoiros de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego, así como talleres de entrevistas, habilidades sociolaborais e sobre mobilidade laboral. Ademais, ofrécense formacións adaptadas aos perfís seleccionados e prácticas profesionais en empresas locais.

Unha das principais innovacións do programa é o fomento do uso de novas tecnoloxías e redes sociais para facilitar a comunicación e a aprendizaxe, contando cunha aula de informática dispoñible para as persoas participantes. Ademais, realízase unha interacción constante co tecido empresarial galego e ofrécese asesoría xurídica para resolver consultas relacionadas co emprego. Toda a metodoloxía está adaptada ás necesidades específicas das persoas participantes.

Beneficios adicionais

O programa conta cunha bolsa de 10 euros diarios por asistencia ás diferentes accións previstas e con medidas de conciliación para permitir a asistencia a cada unha das accións que se desenvolven. Dentro da filosofía de mellora continua, ofreceranse cuestionarios de satisfacción de todas as accións que se realizan para que as persoas usuarias aporten a súa opinión sobre o desenvolvemento do programa.

Con esta iniciativa, COGAMI reafirma o seu compromiso coa inclusión laboral e o apoio ás persoas con discapacidade en Galicia, contribuíndo á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

PÉS DE FOTO

Alba Lobato, técnica de inserción laboral do programa plan integrado en Vigo

Eva Campos, técnica de inserción laboral do programa plan integrado en Pontevedra

María Eyo, técnica de inserción laboral do programa plan integrado en Santiago

Rosa Mª Manteiga, técnica de inserción laboral do programa plan integrado en A Coruña

Galería de imaxes