COGAMI lanza un cómic para promover a educación inclusiva nos centros de ensino

COGAMI lanza un cómic para promover a educación inclusiva nos centros de ensino

Segundo recollen os artigos 4 e 24 da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas (UNCRPD) sobre Educación e Deseño Universal, a educación inclusiva é un dereito humano. Sen embargo, moitas escolas en Europa carecen dos recursos necesarios para atender as diversas necesidades de apoio do alumnado, o que dificulta que os sistemas educativos sexan plenamente inclusivos.

Para paliar esta situación, naceu o proxecto ACT-INCLUSIVE, no que COGAMI é unha das entidades colaboradoras. Este proxecto, cofinanciado pola Unión Europea baixo unha das convocatorias do programa Erasmus + identifica e impulsa a implantación de boas prácticas innovadoras en educación inclusiva e desenvolve pautas e xogos para fomentar a inclusión no ámbito da educación non formal.

Un dos recursos destacados deste proxecto é o cómic sobre comunicación inclusiva Os meus monstros, unha publicación que se pode descargar en varios idiomas da UE, incluído o galego. Os meus monstros conta con doce páxinas deseñadas para axudar a adolescentes, con e sen discapacidade, a aprender sobre o poder da comunicación inclusiva. Esta ferramenta busca abrir conversas sobre a empatía, a comprensión e a importancia de que se sintan escoitados e escoitadas, tanto na escola como noutros espazos.

O cómic, estará dispoñible tamén en formato de audiolibro, promove espazos de aprendizaxe máis inclusivos que celebran tanto as nosas diferenzas como as nosas semellanzas, poñendo o foco en adolescentes e diferentes situacións e sentimentos cos que poder identificarse. Está dispoñible en varias linguas e pode descargarse para lelo en dixital ou imprimirse para actividades en aula ou en grupo.

Ademais de COGAMI, participaron neste proxecto a Asociación Nacional ÉTA de Hungría, o Center VAL de Eslovenia, CARDET de Chipre, L’ADAPT de Francia e a Asociación Europea de Provedores de Servizos para Persoas con Discapacidade (EASPD) de Bélxica. Confiamos en que este cómic inspire o apoio á educación inclusiva e o aprecio pola diversidade en todos os espazos de aprendizaxe.

Enlaces para descargar o cómic:

[Versión dixital do cómic en galego]

[Versión para imprimir en galego]