COGAMI Monteporreiro mellora en tecnoloxía e reforza o transporte do centro cos fondos da X Solidaria

O servizo de atención diúrna que COGAMI ten en Monteporreiro (Pontevedra) vén de adquirir novos equipamentos tecnolóxicos que permitirán mellorar as actividades que desenvolven coas súas persoas usuarias. En concreto, contan cun dispositivo móbil de última xeración habilitado dunha cámara de alta calidade, ademais dun ordenador portátil de alto rendemento.

Estes novos recursos foron posibles a través dos fondos do 0,7 % do IRPF, chegados a través das persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de Interese Social, a coñecida como X Solidaria, e que logo reparte a Xunta de Galicia.

Coa adquisición deste novo material audiovisual, o centro de Monteporreiro poderá optimizar as habilidades das persoas usuarias no ámbito da produción e edición de contido audiovisual, facilitando a creación e montaxe de vídeos con maior eficacia. Así mesmo, tamén se empregan para traballar en programas que contribúan a mellorar ou potenciar as súas capacidades cognitivas.

Ademais, o apoio das axudas do IRPF fixo posible contratar un condutor para o servizo de transporte adaptado, unha figura clave para garantir o bo funcionamento deste servizo esencial que conecta os nosos centros co fogar das persoas usuarias, mellorando a súa mobilidade e participación nas actividades diarias.

Galería de imaxes

Todas
|
COGAMI
|
IRPF
|
X Solidaria
|
XSolidaria