`Atención á Diversidade e Inclusión. O papel da Universidade e as Asociacións na Construción de Comunidades Inclusivas´, é o nome do Congreso que se está a desenvolver na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, foi o encargado de abrir este espazo de reflexión cun relatorio no que puxo o foco na diversidade, a equidade e a inclusión como eixos fundamentais da educación.
O obxectivo é dar a coñecer experiencias e actuacións universitarias dirixidas á atención do alumnado con discapacidade, así como destacar o papel das entidades sociais na construción de comunidades inclusivas. Anxo explicou os servizos que presta COGAMI a favor da autonomía das persoas con discapacidade e incidiu na importancia de que a sociedade sexa accesible ás persoas, que dispoñan de medios para poder levar a súa vida con normalidade como calquera outra.
A primeira sesión reuniu a 120 asistentes, entre estudantado, representantes de entidades sociais, persoal investigador e docente. O encontro buscou identificar problemáticas e áreas de mellora en relación coa inclusión e atención ás persoas con discapacidade nas universidades, ademais de sensibilizar á comunidade universitaria.
Xunto ao presidente de COGAMI tamén participaron profesionais da entidade: María del Carmen Ínsua, da área de Emprego; Ana Traba, de Recursos Humanos; e Rosa Gutiérrez, en representación de COGAMI Empresarial. As tres relatoras abordaron cuestións como a situación do mundo empresarial, as oportunidades laborais para persoas con discapacidade ou incapacidade laboral, o papel dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e as políticas de igualdade recollidas na nosa Organización.