Talento diverso como protagonista transformador da tecnoloxía é o nome da mesa redonda na que participou Ángela Labandeira, coordinadora do programa integral para a promoción da autonomía persoal que COGAMI desenvolve nas instalación do CEGADI. Labandeira estivo acompañada de representantes das entidades REDI (Red Empresarial por la Diversidad e Inclusión LGBTI), Fundación ONCE e Agaela (Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica).
Esta mesa redonda foi unha das participacións do I Foro Cátedra NTT Data Diversidade e Tecnoloxía que organizou o xornal Quincemil e patrocinou NTT Data en A Coruña. Os eixos nos que se baseou este encontro foron a atención centrada nas persoas, o talento, a inclusión e vantaxes competitivas.
Unha das aportacións de Ángela Labandeira durante a súa intervención estivo relacionada coa escasa visibilidade que temos as persoas con discapacidade nas empresas relacionadas coa tecnoloxía, argumentando que “hai máis de 20.000 persoas con discapacidade física e orgánica, pero non estamos visibilizadas dentro das empresas tecnolóxicas".
Unha das pautas que puxo en valor para favorecer a visibilidade foi “fomentar as experiencias con diferentes empresas para visibilizar o talento das persoas con discapacidade e que non actúen como meras receptoras dos servizos tecnolóxicos”.