COGAMI participa unha edición máis no Programa Mentoring da USC acompañando o talento universitario

COGAMI participou un ano máis no Programa Mentoring da Universidade de Santiago de Compostela (USC), unha iniciativa promovida pola Área de Orientación Laboral da institución académica que ten como finalidade acompañar ao estudantado no deseño do seu futuro profesional mediante o apoio e a experiencia de persoas referentes no ámbito laboral.

O acto de clausura da edición 2025-2026 celebrouse o pasado 2 de xullo e serviu para poñer en valor o compromiso das entidades e profesionais participantes, así como o impacto positivo que este programa ten na orientación e desenvolvemento profesional do alumnado. Nesta edición, o Programa Mentoring da USC conectou a 77 estudantes con persoas mentoras pertencentes a empresas, entidades e institucións de distintos sectores, fortalecendo a relación entre a universidade e o tecido profesional.

No marco desta iniciativa, COGAMI volveu implicarse como entidade mentora, acompañando durante varios meses a unha estudante universitaria nun proceso de orientación personalizado, compartindo coñecementos, experiencias e ferramentas que lle permitisen coñecer mellor o funcionamento dunha organización do terceiro sector e ampliar a súa visión sobre as posibilidades de desenvolvemento profesional.

A participación neste programa enmárcase no compromiso de COGAMI coa promoción do talento novo e coa creación de oportunidades para que as persoas universitarias poidan achegarse á realidade do mercado laboral, favorecendo a adquisición de competencias, a reflexión sobre o seu itinerario profesional e o establecemento de vínculos co ámbito das entidades sociais.

A través desta colaboración, COGAMI continúa reforzando a súa relación coa USC e contribuíndo a iniciativas que fomentan a empregabilidade, o intercambio de coñecemento e a conexión entre o ámbito académico e o profesional.

Galería de imaxes

Todas