COGAMI está preparando o inicio de novos cursos do programa de formación para o emprego AFD, dirixidos a persoas en situación de desemprego que buscan mellorar a súa preparación, reorientar a súa traxectoria profesional ou ampliar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.
As accións formativas desenvolveranse nos centros de COGAMI de Lugo, Santiago de Compostela e Ourense e serán totalmente gratuítas para as persoas participantes. Ademais da formación teórica, os cursos contemplan formación en empresa, achegando ao alumnado unha experiencia práctica relacionada co ámbito profesional no que se está formando.
A oferta inclúe diferentes especialidades vinculadas principalmente á administración e aos servizos auxiliares de xardinería, sectores nos que contar con formación e acreditación profesional pode facilitar o acceso a novas oportunidades laborais.
En Lugo desenvolveranse dous cursos:
Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, cunha duración de 408 horas, que se impartirá do 16 de outubro de 2026 ao 24 de febreiro de 2027, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nas instalacións de COGAMI situadas na Rúa da Luz, 4. A formación inclúe formación en empresa e permitirá obter un certificado profesional.
O segundo curso AFD que se imparte en Lugo é de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, de 508 horas, con inicio programado para o 6 de outubro de 2026 ao 15 de marzo de 2027, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nas mesmas instalacións de COGAMI en Lugo. O curso é gratuíto e inclúe certificado profesional.
En Santiago está previsto o inicio, o 28 de setembro de 2026, do curso Operacións auxiliares de servizos administrativos básicos e xerais, cunha duración de 508 horas e que se desenvolverá ata o 5 de marzo de 2027, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nas instalacións de COGAMI Santiago (rúa Modesto Brocos, 3º bloque, baixos).
A formación incluirá tamén un período de formación en empresa. Para acceder é imprescindible estar en situación de desemprego.
En Ourense desenvolverase igualmente o curso Operacións auxiliares de servizos administrativos básicos e xerais, cunha duración de 508 horas, que terá lugar do 5 de outubro de 2026 ao 17 de marzo de 2027 nas instalacións de COGAMI Ourense.
A acción formativa incluirá formación en empresa, permitindo ás persoas participantes complementar os coñecementos adquiridos durante o curso cunha experiencia práctica no ámbito profesional.
Unha oportunidade laboral
Desde COGAMI anímase ás persoas que actualmente están en situación de desemprego a informarse sobre estes cursos e valorar a formación como unha vía para adquirir novas competencias, reorientar a súa carreira profesional ou abrirse a novas oportunidades de emprego.
As persoas interesadas poden poñerse en contacto cos centros de COGAMI correspondentes para coñecer os requisitos de acceso, o proceso de inscrición e a dispoñibilidade de prazas.
Estas formacións están cofinanciadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.