O salón de actos do CEI-Nodus de Lugo foi o escenario da xornada Xustiza Social, organizada pola Rede TIL de persoal técnico de inserción laboral de Lugo, coincidindo co Día Mundial da Xustiza Social, que se conmemora cada 20 de febreiro. Representantes de COGAMI participaron neste acto ao formar parte desta rede, composta por entidades que prestan servizos a persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión social.
Durante o encontro realizouse unha firma simbólica do acordo de colaboración da Rede TIL, creada en 2011, para reforzar o compromiso das entidades integrantes co traballo en rede e a mellora da inserción laboral. Trala sinatura, proxectouse un vídeo que recolleu a traxectoria da Rede desde os seus inicios, destacando os logros acadados e os retos de futuro.
Que é a Rede TIL
A Rede TIL, Rede de Persoal técnico de Inserción Laboral de Lugo, é un espazo de encontro, discusión e traballo no que participan tanto o Concello de Lugo como diversas entidades sociais. O seu obxectivo é fortalecer o coñecemento mutuo de estratexias, modelos e formas de actuación que permitan mellorar a eficacia das accións dirixidas á inserción laboral. Deste xeito, favorece o intercambio de experiencias e o apoio mutuo entre profesionais especializados en orientación, asesoramento e intermediación laboral.
Entidades integrantes
Ademais de COGAMI, forman parte da Rede TIL de Lugo as seguintes entidades: Asociación de Colaboración e Promoción do Sordo (ACOPROS); Aliad Ultreia; Cáritas Diocesana de Lugo; Cruz Roja Española; Diaconía; Fundación Educativa e Social Dignidade (FES Dignidade); Asociación Síndrome de Down de Lugo; FADEMGA Plena inclusión Galicia; Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG); Fundación Amigos de Galicia (FAG); Saúde Mental FEAFES; Fundación Secretariado Gitano (FSG); Inserta Empleo (Fundación ONCE) e Fundación Juan Soñador.