Un grupo de sete profesionais da asociación francesa LADAPT, dedicada á inserción social e laboral de persoas con discapacidade e con presenza en todo o territorio galo, visitou Galicia para coñecer de primeira man os servizos que desenvolve COGAMI.
Ao longo de catro días de estancia, organizouse un completo programa de visitas que lles permitiu achegarse ao funcionamento de tres dos cinco centros de atención diúrna terapéutica da entidade, situados en Mos, Fingoi (Lugo) e Medelo (Silleda).
A axenda incluíu tamén unha visita ao CEGADI, onde coñeceron o proxecto Autonomía+, un servizo transdisciplinar de apoio dirixido a persoas con discapacidade, no que se desenvolven terapias orientadas á habilitación, ao mantemento funcional e á promoción da vida autónoma e o desenvolvemento persoal na comunidade.
No ámbito da inclusión laboral, o grupo visitou as iniciativas empresariais Coregal e Trameve, así como o servizo de emprego de COGAMI, onde recibiron unha explicación detallada do seu funcionamento e da súa conexión co tecido empresarial.
Esta experiencia realizouse ao contar a entidade francesa cunha acreditación Erasmus para a mobilidade. Supón unha oportunidade para dar visibilidade ao labor de COGAMI, ao tempo que favorece o intercambio de coñecementos, metodoloxías e boas prácticas entre entidades sociais de distintos países.
Ademais de fortalecer redes de colaboración a nivel europeo, este tipo de encontros impulsan o desenvolvemento de iniciativas conxuntas que contribúen a mellorar a atención e ampliar as oportunidades das persoas con discapacidade. Tamén permiten reflexionar sobre os retos actuais e avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva, na que se garantan os dereitos e a participación plena de todas as persoas.
Sobre LADAPT
LADAPT é unha entidade recoñecida de utilidade pública que traballa pola inserción social e profesional das persoas con discapacidade en Francia. Cada ano acompaña a máis de 23.000 persoas nos seus itinerarios de escolarización, formación, acceso ao emprego, vida social e atención sanitaria. Ademais, desenvolve accións de sensibilización, formación e asesoramento orientadas a transformar a percepción social da discapacidade.