Con motivo do Día Mundial da Saúde, que se celebra este luns, 7 de abril, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), xunto con COCEMFE estatal e o seu Movemento Asociativo, reclama ás administracións públicas que garantan o acceso pleno, equitativo e efectivo ao dereito á saúde das persoas con discapacidade física e orgánica, e denuncia a persistencia de carencias estruturais que afectan este grupo social.
O 75 % das persoas con discapacidade non recibe coa regularidade e intensidade necesarias os servizos sanitarios e sociais que precisan para cubrir as súas necesidades nestes eidos, cifra que ascende ao 80 % no caso das mulleres con discapacidade. Ademais, o 81,6 % deste grupo social debe asumir gastos adicionais para acceder a tratamentos ou produtos sanitarios, sendo o 37 % quen afronta máis de 200 euros ao mes por este motivo.
O presidente COGAMI, Anxo Queiruga, denuncia que “os servizos sanitarios seguen presentando graves barreiras físicas, comunicativas e de acceso á información”. Engade que “estas barreiras, sumadas ao descoñecemento xeneralizado sobre as condicións de vida das persoas con discapacidade, actúan como factores que intensifican a exclusión social e restrinxen o desenvolvemento da autonomía persoal e o dereito á saúde e a unha vida independente”.
Neste sentido, dende COGAMI apostamos por unha coordinación efectiva en todos os niveis como elemento esencial para desenvolver un espazo sociosanitario eficaz, público e universal, que “debe contar con orzamento e recursos suficientes, e adoptar un enfoque preventivo, comunitario e centrado na persoa”, sinala Queiruga.
Ademais, COGAMI e o Movemento Asociativo de COCEMFE defenden a necesidade da universalización e equidade territorial dos servizos de saúde e atención social; eliminar as barreiras en centros de saúde, hospitais e servizos de urxencias; garantir o acceso a tratamentos e tecnoloxías de apoio; rematar cos sobrecustos sanitarios que asumen as persoas con discapacidade; mellorar a formación do persoal sanitario na atención á discapacidade, e reformar a atención sociosanitaria, garantindo unha atención integral, centrada na persoa e cunha perspectiva de xénero e discapacidade.