COGAMI e as súas entidades membro de discapacidade orgánica reforzarán durante o próximo ano a atención integral que prestan a preto dun milleiro de persoas en toda Galicia, a través dun programa centrado na promoción da saúde, a prevención da dependencia e a mellora da autonomía persoal.
A iniciativa desenvolverase a través da renovación do convenio de colaboración coa Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), que permitirá dar continuidade a un modelo de atención especializada baseado nas necesidades específicas de cada persoa e de cada patoloxía.
O programa será executado por profesionais das entidades integradas en COGAMI que traballan diariamente con persoas con patoloxías crónicas que poden derivar en situacións de discapacidade. Entre elas atópanse asociacións de persoas con esclerose múltiple, párkinson, enfermidades neuromusculares, fibromialxia e fatiga crónica, enfermidades inflamatorias intestinais, fibrose quística, hemofilia e outras coagulopatías, patoloxías reumáticas, enfermidades renais, linfedema, lipedema e outras patoloxías vasculares, así como persoas con transplantes medulares.
Para desenvolver este programa, COGAMI e o seu movemento asociativo contarán cun equipo multidisciplinar integrado por profesionais da fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía, traballo social, logopedia, pedagoxía, actividade física e deporte, entre outras especialidades, que ofrecerán unha atención individualizada adaptada á realidade de cada persoa participante.
As intervencións realizaranse nos distintos territorios galegos e, cando sexa necesario, tamén nos domicilios, centros de atención ou contornas habituais das persoas participantes. O obxectivo é facilitar que cada persoa poida manter e mellorar a súa autonomía no seu propio contexto de vida, favorecendo a súa participación social e a súa calidade de vida.
O programa inclúe actuacións orientadas á mellora da mobilidade, das capacidades cognitivas, da autonomía nas actividades da vida diaria, do benestar emocional e do coñecemento da propia enfermidade. Ademais, foméntase o autocoidado, a adherencia aos tratamentos e o acceso a produtos de apoio e recursos específicos que contribúan a reducir o impacto da patoloxía no día a día.