COGAMI reforza a mirada interseccional no medio rural con ConVive Rural

Con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, 15 de outubro, ConVive Rural, o proxecto que COGAMI desenvolve e que coordina COCEMFE en 51 municipios de cinco comunidades autónomas, deseña unha ferramenta propia que permite avaliar como se aplica a perspectiva de xénero en cada formación, xornada ou intervención.

Trátase dun instrumento de rexistro e seguimento que as entidades do proxecto cobren despois de cada formación, xornada, reunión, material ou intervención. Dez preguntas abordan aspectos como a planificación en función das distintas necesidades de mulleres e homes, a desagregación dos datos por sexo, a utilización dunha linguaxe e unhas imaxes inclusivas, os horarios que facilitan a conciliación, os servizos de coidados, os roles de xénero e a prevención da violencia de xénero. Cada resposta vai acompañada de evidencias e observacións.

A partir destes rexistros, a ferramenta xera indicadores automáticos para cada pregunta e tipo de actividade, e sinala os aspectos que cómpre revisar. Deste xeito, a igualdade deixa de ser só un compromiso declarado e pasa a ser un aspecto que se supervisa de maneira sistemática e que serve para mellorar as actuacións.

Un proxecto coa igualdade integrada no seu deseño

ConVive Rural – Conectando territorios, coidados e dereitos é un proxecto coordinado por COCEMFE que se desenvolve entre xaneiro de 2026 e decembro de 2027 en 51 municipios de Andalucía, a Comunidade de Madrid, o Principado de Asturias, Castela e León e Galicia. Execútano seis entidades: ademais de COGAMI e COCEMFE, Andalucía Inclusiva, FAMMA, COCEMFE Asturias e COCEMFE Castilla y León.

O seu obxectivo é impulsar a autonomía persoal, a vida independente e a inclusión comunitaria das persoas con discapacidade física e orgánica nas contornas rurais. Para iso, combina asistencia persoal, acompañamento e intervención comunitaria cun enfoque baseado nos dereitos, na perspectiva de xénero, na interseccionalidade e na accesibilidade universal.

O proxecto ConVive Rural enmárcase no Programa FSE+ de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza, e está cofinanciado pola Unión Europea e a Fundación MAPFRE a través da convocatoria Axudas +RURAL 2025.

A iniciativa prolongarase ata decembro de 2027 e prevé ter un impacto directo en persoas con discapacidade física e orgánica que se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade, con especial atención a aquelas que afrontan barreiras acumuladas por razón da idade, o xénero, o nivel socioeconómico ou o risco de institucionalización.

Galería de imaxes

Todas