A coordinadora da área Sociosanitaria de COGAMI, Laura Quintas, participou nas XIV Xornadas de Enfermaría, celebradas en Ourense baixo o lema “Integrando ciencia e humanidade” e organizadas pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
Estas xornadas, que retomaron a súa celebración despois de sete anos, tiveron lugar no salón Marie Curie do campus universitario de Ourense, e reuniron a máis de 300 profesionais da enfermaría. Durante dous días desenvolvéronse mesas redondas, comunicacións orais e exposición de pósters científicos, cun total de 50 traballos presentados, centrados na especialización e nos coidados baseados na evidencia, sen esquecer o trato humano e a relación directa con pacientes e familias.
Na súa intervención, titulada “A voz do paciente e o papel das asociacións”, Laura Quintas puxo en valor o labor da Comisión Sociosanitaria, presentada como un espazo de colaboración entre entidades que representan a persoas con discapacidade orgánica e enfermidades crónicas.
Destacou que as asociacións de pacientes teñen un papel esencial: “encárganse de cubrir necesidades ás que non chega o sistema sanitario, e fan de ponte entre a experiencia das persoas afectadas e os profesionais que as atenden”.
Para rematar, reivindicou a necesidade de establecer alianzas sólidas: “O futuro da atención ás persoas con discapacidade orgánica e enfermidade crónica depende da nosa capacidade para construír pontes e traballar xuntas. A unión entre profesionais da sanidade e entidades sociais multiplica o impacto positivo na vida das persoas”.