COGAMI sensibiliza sobre a discapacidade e prevención da lesión medular no CPI Laureano Prieto da Gudiña

Descarga a nota

COGAMI achegouse ao CPI Laureano Prieto do Concello da Gudiña para ofrecer unha charla de sensibilización sobre a discapacidade e a prevención da lesión medular. A actividade estivo dirixida ao alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, con participación de 40 estudantes.

A sesión foi impartida por Eva Vázquez Reinaldo, traballadora social da área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI, quen informou sobre os riscos asociados a determinadas prácticas que poden derivar en lesións medulares, especialmente de cara ás vacacións de verán. Tamén falou sobre a diversidade e a importancia de construír unha sociedade inclusiva que recoñeza as capacidades de todas as persoas.

Nesta ocasión contouse tamén coa intervención de José Antonio Ramos Alonso, voluntario colaborador de COGAMI, que compartiu o seu testemuño persoal sobre como vive a súa discapacidade, rompendo estereotipos e achegando unha visión realista e esperanzadora sobre a vida con discapacidade. A súa historia foi un exemplo de superación que serviu para reflexionar sobre os prexuízos e barreiras sociais que aínda persisten.

A sensibilización é unha das liñas prioritarias de actuación de COGAMI. Ao longo do ano realízanse numerosas accións en centros educativos, entidades, concellos e espazos públicos co obxectivo de concienciar sobre a diversidade humana e promover o respecto á diferenza. No que vai de 2025, xa se levan impartidas 39 charlas centradas na prevención da lesión medular e na sensibilización sobre a discapacidade.

Este servicio está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Galería de imaxes

Todas