Familias con menores con enfermidade renal crónica chegadas de toda Galicia reuníronse na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no Concello de Nigrán, para realizar unha xornada de convivencia e crear vínculos ademais de compartir experiencias.
Organizada pola Federación Alcer Galicia, durante este encontro as e os menores contaron con espazos de lecer educativo nos que puideron achegarse á realidade da nutrición nas diferentes etapas da enfermidade renal. Para a xente maior, creáronse espazos de formación, información e posta en común de experiencias que foi inaugurado por Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Xeográfica, con quen se ten o convenio do Programa Medro de atención a menores e familias con enfermidade renal crónica.
A doutora Marta Gil, pediatra do CHUS, achegou a importancia da intervención multidisciplinar nas consultas de pediatría nefrolóxica. Outros temas que se trataron nesta xornada estiveron relacionados coa nutrición, a sobrecarga familiar e a súa xestión en parella, ademais de falar sobre o novo baremo para obter o certificado de discapacidade.
A xornada de lecer rematou coa actuación do Mago Midas que contribuíu a crear un ambiente distendido e alegre entre todas as persoas asistentes a estas xornadas de experiencias compartidas.