A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) finaliza un curso de Alfabetización dixital nas instalacións da aula do Auditorio Municipal do Concello de O Carballiño. Ao longo do mes de abril, 8 persoas, 3 homes e 5 mulleres, procedentes dos concellos de O Carballiño, Ribadavia, O Irixo, Cenlle e Maside, formáronse no manexo de ferramentas que lles permitan realizar xestións coas diferentes administracións, e aprenderon a utilizar o comercio electrónico e mesmo buscar emprego a través das plataformas especializadas.
No acto de clausura do curso participaron, xunto ao alumnado, Diego Fernández, concelleiro de Cultura e Benestar Social do Concello de O Carballiño; Paco Abuín, coordinador da Área de Formación de COGAMI; e David Rivada, docente do curso.
Esta formación, financiada dentro das actuacións dirixidas á atención de persoas con discapacidade adultas con NEE 2023-24 polo Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes a través de COCEMFE, entidade a nivel nacional da que forma parte COGAMI, tivo unha duración de 60 horas lectivas nas que se abordaron módulos de internet, procesador de textos e folla de cálculo para a mellora das competencias dixitais.