Fisioterapia respiratoria a domicilio para mellorar a calidade de vida de 75 persoas con fibrose quística da Ría de Pontevedra

A Asociación Galega de Fibrose Quística (AGFQ) finalizou o Programa de atención integral e fisioterapia respiratoria para persoas con fibrose quística no ámbito da Ría de Pontevedra, desenvolvido co apoio do Plan Social de ENCE Pontevedra, que concedeu á entidade unha orzamento de 8.000 euros.

A fibrose quística é unha enfermidade xenética, crónica e potencialmente mortal que afecta principalmente aos aparellos respiratorio e dixestivo. A fisioterapia respiratoria diaria é un tratamento imprescindible para evitar o deterioro pulmonar, e contar con apoio psicolóxico e social resulta esencial ante a elevada carga emocional e administrativa que supón a enfermidade.

Áreas de atención

Participaron 75 persoas con fibrose quística dos concellos de Pontevedra, Marín, Bueu, Meaño, Cuntis e Vilagarcía de Arousa, ademais da zona de Vigo que recibiron apoio psicolóxico e social.

No tratamento de fisioterapia respiratoria a domicilio realizáronse 550 sesións de técnicas de limpeza bronquial adaptadas a cada persoa, con formación a familias e persoas afectadas para a súa correcta realización.

Realizáronse 60 sesións individuais e familiares de apoio psicolóxico, con atención no momento do diagnóstico, durante os ingresos hospitalarios e para reducir o estrés e a sobrecarga das persoas coidadoras.

No ámbito de traballo social, realizáronse 75 intervencións de información, asesoramento e xestión de recursos, como a tramitación da discapacidade e da dependencia.

Segundo a entidade, o programa cumpriu todos os obxectivos previstos ao darse unha maior adherencia ao tratamento, continuidade da atención no domicilio e maior acceso a recursos e dereitos.

Galería de imaxes

Todas