O Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña (GRUMICO) pon en marcha o programa Atención Especializada para Persoas con Discapacidade, dirixido a mellorar a calidade de vida e a autonomía persoal de 70 persoas con discapacidade, ás que se lles ofrecerá atención integral a través de servizos especializados.
O programa ofrece un acompañamento profesional completo que abarca catro áreas clave: Traballo social, Fisioterapia, Terapia ocupacional e Psicoloxía. Este proxecto desenvólvese seguindo un modelo de atención centrado na persoa, adaptándose ás necesidades individuais de cada participante e fomentando a súa independencia e inclusión social. Cada itinerario de atención deséñase de xeito personalizado, garantindo que os servizos respondan de forma efectiva á realidade e aos obxectivos de cada usuario ou usuaria.
Dende GRUMICO anímase a todas as persoas con discapacidade e ás súas familias interesadas a informarse e participar neste programa, que representa unha oportunidade real para mellorar o benestar persoal, adquirir maior autonomía e contar cun acompañamento profesional especializado.
Este programa está financiado cos fondos do 0,7 % do IRPF daquelas persoas que marcaron o recadro 106 na declaración da renda, coñecida como XSolidaria, e que xestiona a Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social.