Oito persoas remataron a fase teórica e agora inician as prácticas nas estacións de servizo GasolineiraV21, Estaciones de Servicio Pérez Rumbao e Santa Cruz.
Tras finalizar a parte teórica, o curso de Xestión Integral de Estacións de Servizo, incluído no programa de inserción sociolaboral Máis Emprego de COGAMI, inicia a súa fase de prácticas en empresa. A formación está financiada pola Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus e busca ofrecer itinerarios especializados que favorezan a inclusión laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, como é o caso das persoas con discapacidade.
Foron 8 persoas (4 homes e 4 mulleres), todas elas apuntadas na base de datos que ten COGAMI como demandantes de emprego, as que completaron as 50 horas de clases teóricas. O alumnado procede dos concellos de Vilar de Santos, Ourense, Taboadela, Maceda, San Cibrao das Viñas, Muíños e Pantón (Lugo).
A partir do próximo luns, comezarán 25 horas de prácticas en estacións de servizo da cidade de Ourense servizo (GasolineiraV21, Estaciones de Servicio Pérez Rumbao e Santa Cruz), nas que poderán aplicar os coñecementos adquiridos na teoría e ter un contacto directo co posto de traballo para o que se formaron.
O programa Máis Emprego de COGAMI desenvólvese, ademais de en Ourense, en Pontevedra, Ferrol, Lugo e Vigo. Destaca por ofrecer formación especializada e itinerarios personalizados que buscan a inclusión laboral efectiva de persoas en risco de exclusión, promovendo a igualdade de oportunidades e a integración social.