Máis de sesenta menores do Baixo Miño se benefician dos servizos que presta a asociación Vontade

Máis de sesenta menores do Baixo Miño se benefician dos servizos que presta a asociación Vontade

A asociación Vontade para persoas con discapacidade do Baixo Miño vén de presentar resultados dos programas e servizos que desenvolve orientados a mellorar a calidade de vida de menores con discapacidade nesta comarca. Un destes programas é o de atención temperá que ofrece a Mancomunidade de Baixo Miño, e que xestiona COGAMI, dirixido a nenas e nenos de 0 a 6 anos, no que Vontade colabora apoiando e complementando este recurso. Foron máis de 40 menores os que pasaron por este servizo para recibir sesións de fisioterapia, psicoloxía e logopedia.

Outro servizo que se ofrece na comarca é o de atención á infancia de entre 6 e 17 anos, coa finalidade de dar continuidade ás terapias de atención temperá e proporcionar a mellor atención ás familias e á infancia con dificultades do desenvolvemento ou en risco de padecelas.

Este servizo ten por obxectivos principais acadar a máxima autonomía na realización de actividade da vida diaria ou mellorar as habilidades psicosociais e comunicativas dende unha metodoloxía baseada no xogo, favorecendo o correcto desenvolvemento da motricidade fina, das funcións executivas, mellora da grafomotricidade ou o traballo das habilidades psicosociais en función das necesidades de cada persoa.

Tanto o servizo de atención temperá como o de atención á infancia e terapia ocupacional están cofinanciados pola Xunta de Galicia a través do 0,7% do IRPF das persoas que marcaron o recadro de Actividades de interese social na declaración da renda, coñecida pola X Solidaria.