Miguel Ángel Quintas, elixido novo presidente da Federación provincial DISCAFIS COGAMI en Ourense

Podes descargar a nota

Cambios na dirección da Federación Provincial de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense DISCAFIS-COGAMI durante a celebración anual das  Asembleas Xeral Ordinaria e Extraordinaria. Tras contar co apoio unánime de representantes das súas 17 entidades membro, Miguel Ángel Quintas foi elixido presidente para os vindeiros catro anos.

O novo dirixente de DISCAFIS é unha persoa con experiencia nas causas sociais que entrou a formar parte da xunta directiva da entidade ALCER Ourense para logo ostentar a súa presidencia no ano 2023 e ao mesmo tempo estar dentro da directiva da Federación Alcer Galicia. Esta nova etapa supón “un orgullo completo, sempre foi unha máxima persoal axudar e estar dispoñible para os demais, na procura da mellora do seu benestar”, explica Quintas, quen engade que representar a tantas entidades de Ourense supón “un gran reto, polo que procurarei defender os seus intereses, darlles visibilidade e unir o máximo a todas as entidades para conseguir máis forza e maior representatividade”.

Esta nova etapa que encamiña Miguel Quintas estará acompañado por José Luís Parada como vicepresidente; Mónica Limia como secretaria xeral; Laura Quintas, a que foi presidenta durante 12 anos, será a tesoureira da entidade; e como vogais estarán Lorena Quintas, Lorena Rodríguez, Concepción Crespo e Susana Álvarez. Este novo equipo agradeceu o apoio recibido e quixo homenaxear a dúas persoas “históricas polo seu traballo incansable na defensa de dereitos das persoas con discapacidade en Ourense”, expresaba o presidente electo referíndose a Manuel Novoa e Constantino Guzmán.   Agradeceu tamén a dedicación a Fernando Jiménez e Concepción Álvarez que participaron na anterior xunta directiva e que seguirán a colaborar coa entidade. 

A nova xunta directiva marca como liñas principais para os vindeiros catro anos a mellora da autonomía das persoas con discapacidade física e orgánica; impulsar a participación activa das entidades e persoas con discapacidade das zonas rurais da provincia;  mellorar a súa empregabilidade; conseguir a non discriminación das mulleres deste colectivo; garantir a igualdade de oportunidades na infancia con discapacidade empezando pola educación inclusiva e acadar mellor coordinación entre o ámbito social e o sanitario.

O acto de clausura contou coa asistencia do vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, quen recordou “a importancia do traballo en rede como fai o tecido asociativo de COGAMI a través das súas catro federacións provinciais e entidades membro que prestan servizos de atención ás persoas con discapacidade e familias”.

PÉ DE FOTO:

Nova xunta directiva de DISCAFIS COGAMI. De esquerda a dereita fila de atrás:

José Luis Prada, vicepresidente; Susana Álvarez, vogal; Mónica Limia, secretaria; Laura Quintas, tesoureira; Lorena Rodriguez, vogal; Concepcion Crespo, vogal. Na fila de diante: Lorena Quintas, vogal e Miguel Quintas, presidente.

Persoas asistentes á asemblea de DISCAFIS COGAMI

Galería de imaxes

Todas