Muros únese pola solidariedade cun grande X humano

Muros únese pola solidariedade cun grande X humano


A Praza do Concello de Muros converteuse no epicentro da solidariedade cunha concentración organizada por ADISBISMUR. Máis de 170 persoas, entre elas alumnado e profesorado do IES As Ínsuas, CEIP Ramón de Artaza e Malvárez e IES Fontexería, uníronse para formar un grande X con paraugas, simbolizando a importancia de apoiar ás persoas en situación de vulnerabilidade.

A concentración tivo lugar ás 12:00 horas no Curro da Praza e foi unha auténtica mostra de unión e compromiso. Durante o acto, a directora de ADISBISMUR, a alcaldesa de Muros e membros do equipo de goberno puxeron voz a un manifesto no que destacaron que a solidariedade é esencial para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.

"Marcar o X Solidario na túa declaración da renda non custa nada, pero cambia moito", foi unha das mensaxes máis destacadas do evento, reforzando a importancia do compromiso social. O grande "X" formada polos asistentes simbolizou o poder transformador da solidariedade e a forza da comunidade cando traballa unida por un obxectivo común.

ADISBISMUR agradeceu a implicación de todas as persoas participantes e reafirmou o seu compromiso de seguir loitando por unha sociedade máis igualitaria, inclusiva e comprometida co benestar de todas as persoas.