Nova edición do programa cultural En-Red-Arte que desenvolve COGAMI en centros de atención diúrna e entidades membro

Nova edición do programa cultural En-Red-Arte que desenvolve COGAMI en centros de atención diúrna e entidades membro

O Consello da Xunta vén de aprobar o convenio de colaboración para poñer en marcha unha nova edición do proxecto En-Red-Arte, unha iniciativa que COGAMI desenvolve dende o ano 2015 e que ten como obxectivo achegar a cultura ás persoas con discapacidade a través de actividades formativas e vivenciais.

Dende COGAMI celebramos a continuidade deste programa que fomenta a inclusión cultural, a través dunha programación deseñada para estimular a creatividade, o sentido crítico e a curiosidade artística das persoas participantes, facilitando a súa formación e o acceso a distintas disciplinas culturais.

Nesta nova edición, o proxecto inclúe obradoiros de artes escénicas, escritura creativa e creación artística. As persoas participantes poderán experimentar coa linguaxe corporal, descubrir o teatro radiofónico, expresarse mediante a escrita guiada por profesionais ou explorar técnicas artísticas como a cerámica, a talla de vidro, o traballo con plantas secas ou a estampaxe con distintos materiais.

Todas estas actividades están pensadas para fomentar o hábito de asistir a eventos culturais e romper prexuízos en relación coa participación cultural das persoas con discapacidade. Dende que iniciou en 2015, por este programa pasaron máis de 1.300 persoas das entidades membro e centros de atención diúrna de COGAMI.

Galería de imaxes