O centro de atención temperá que xestiona COGAMI en Mos recibiu a visita da Directora Xeral de Persoas con Discapacidade

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, o Vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo e o membro da xunta directiva, Álvaro García, visitou a unidade de atención temperá do concello de Mos á que a Xunta destina máis de 265.000 euros a través da orde de axudas para entidades locais nos anos 2022 a 2024.

Esta unidade de Mos atende cada ano a máis de 120 nenas e nenos e familias naquelas primeiras dúbidas ou incertezas que poidan xurdir para gañar en autonomía e mellorar a súa atención dende a infancia.

Dende o ano 2020 COGAMI xestiona os servizos municipais de atención temperá da Mancomunidade do Baixo Miño e dos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Sada, Mos e Ponteareas, iniciando estes dous últimos o derradeiro trimestre de 2023.

Este servizo está dirixido a nenas e nenos de 0 a 6 anos que presentan trastornos do desenvolvemento ou teñen risco de padecelos. Un equipo de profesionais especializado en fisioterapia, psicoloxía e logopedia encárgase de facilitar ás crianzas e familias, os medios e recursos precisos para potenciar as capacidades de desenvolvemento e benestar para unha vida o máis autónoma posible.

A través dunha metodoloxía que segue un plan de atención individualizado, ofrécese diagnose e valoración dos trastornos do desenvolvemento psicomotor, da linguaxe e a comunicación, da autonomía e da área social e afectiva, sempre ofrecendo apoio, información, habilitación e formación ás familias.

Galería de imaxes

Todas