O centro de COGAMI en Medelo realiza obras de mellora cos fondos do 7% do IRPF

O centro de COGAMI en Medelo realiza obras de mellora cos fondos do 7% do IRPF

COGAMI abría no ano 2012 un centro de recursos, de atención diúrna e ocupacional, para atender as necesidades das persoas con discapacidade e familias, co fin de mellorar a súa autonomía e calidade de vida.

Co paso do tempo, as instalacións vanse deteriorando e tamén se van adaptando ás necesidades do centro, polo que é necesario acometer obras de mellora e acondicionamento. Unha destas melloras ten que ver coa limpeza da fachada de pedra e coa reforma do alpendre que xa existe no centro, pero precisa ser acondicionado. Estas dúas actuacións van contribuír á conservación e protección do patrimonio cultural, poñendo en valor os bens da nosa contorna para que perduren no tempo.

A carpintería do centro será tamén outra das actuacións que consistirán na reparación, substitución e/ou colocación de diferentes elementos no exterior, lixado e vernizado de todas as superficies de madeira. Tamén serán substituidas as pezas que estean en mal estado, selaranse os cristais das ventás e arranxaranse as portas. 

Outras das melloras que adoptará o centro é a instalación de 16 paneis solares que van permitir xerar electricidade para o autoconsumo, ademais de contribuír no coidado do medioambiente coa utilización dunha enerxía renovable. Estes 16 paneis modelo Solavartt Vision AM 4.0 Pure 405 Wp, contan cunha garantía de trinta anos e un rendemento do 87%.

Medelo tamén renovou toda a iluminación do centro, coa substitución dos fluorescentes por lámpadas led, co obxectivo de aumentar a luminosidade e reducir consumo. Este cambio vai parello coa instalación de detectores de presenza para promover o aforro enerxético.    

A última das melloras do centro foi a adquisición dun vehículo para abrir novas rutas de transporte adaptado no centro no que se van beneficiar 26 persoas.

Todas estas melloras son financiadas cos fondos achegados do 0,7% do IRPF, procedentes  de todas aquelas persoas que marcaron o recadro 106 de proxectos sociais na declaración da renda, e que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Galería de imaxes