Os meses de xullo e agosto ofrecen unha oportunidade única para achegar o mar ás persoas con discapacidade grazas á iniciativa “A náutica ao alcance de todos”, organizada polo Club Náutico de Portonovo. A través deste programa, persoas usuarias de ADISBISMUR, AEPEF e do centro de día de COGAMI en Medelo, en Silleda, teñen a oportunidade de navegar pola ría de Pontevedra a bordo de embarcacións de vela lixeira.
Esta actividade enmárcase nun proxecto máis amplo que conta co apoio da Consellería do Mar e do Grupo de Acción Costeira da ría de Pontevedra, e que busca eliminar barreiras físicas, mentais e estruturais no acceso á práctica náutica.
A experiencia permite ás persoas participantes realizar saídas ao mar e bautismos de navegación, facilitando o contacto directo co medio mariño e ofrecendo unha vivencia enriquecedora e inclusiva. Ademais de COGAMI, tamén participan no proxecto outras entidades sociais como DOWN Galicia, facendo posible que cada vez máis persoas poidan descubrir o mar sen limitacións.
Esta colaboración supón un paso máis cara á inclusión e á participación activa das persoas con discapacidade en actividades de lecer e deporte, fortalecendo a súa autonomía e visibilidade social.