O Concello de Bergondo reúne profesionais de toda Galicia da atención temperá nunha xornada interdisciplinaria

O Concello de Bergondo reúne profesionais de toda Galicia da atención temperá nunha xornada interdisciplinaria

Podes descargar a nota 

O edificio Cultural A Senra de Bergondo acolleu as VII Xornadas Interprofesionais de Atención Temperá, un encontro organizado conxuntamente entre a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) para presentar propostas de mellora necesarias para optimizar a Rede Galega de Atención Temperá.

Estas xornadas, que foron inauguradas pola Alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García Martínez, o presidente da AGAT, Jaime Ponte MittelBrunn, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila, contaron coa asistencia de máis de cen profesionais da atención temperá chegadas dende toda Galicia, tanto dende a rede Galega de Atención Temperá como da unidade hospitalaria e tamén dende as UDIAF (Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar).

As intervencións da inauguración iniciaban coa do Presidente de COGAMI, quen fixo alusión á importancia de contar con recursos dende a infancia para o benestar porque, segundo dixo, “a desigualdade que se orixina na infancia, perpetúase e incluso se acentúa na idade adulta, polo que é necesario garantir o acceso a servizos de atención temperá na contorna”. Engadía Queiruga que estes recursos deben estar próximos ás persoas, “para que os recursos cheguen a todo o territorio para que as familias non teñan que desprazarse ás cidades”.

Estas xornadas son as sétimas que se realizan, organizándose o anterior encontro hai dez anos en Santiago Compostela, coincidindo co decreto 183/2013 polo que crea a Rede Galega de Atención Temperá. Jaime Ponte fixo alusión da “importancia que ten para as familias un servizo de atención temperá”, e indicou como relevante para este servizo “que conte con financiamento necesario, coa incorporación de novos servizos e cunha mellora no réxime laboral de profesionais do servizo”. Engadía tamén Ponte que “é necesaria a estabilidade laboral pola cuestión técnica a través da vinculación coas familias e nenos que non se debe romper.”

A Conselleira expresaba o seu agradecemento por ser convidada a este foro no que se fala “dun servizo que é imprescindible e tamén necesario para todos os cidadáns”, indicaba. Fabiola García contestoulle ao presidente de AGAT que non podería facer balanzo de datos sobre o servizo “porque estamos nun mes político e, polo tanto non procedería facer por parte da Administración ese balanzo de datos”. A Conselleira de Política Social expresaba que “as familias contan cun centro de atención temperá que é próximo ao seu domicilio, no que os seus fillos poden recibir as terapias que necesitan e nos que as familias poden resolver todas as dúbidas cando empezan a detectar que ten un problema no desenvolvemento”.

A Alcaldesa de Bergondo remataba a quenda de intervencións da inauguración VII Xornadas Interprofesionais de Atención Temperá poñendo en valor este servizo que “nun principio non detectábamos que fora necesario no noso Concello e nas nosas familias, éramos o Concello con menos necesidades na teoría, porque logo escarvando si hai esas necesidades”, expresaba. A Alcaldesa puxo en valor a necesidade da atención temperá “que non se acabe este programa Conselleira que, como ben dicías, para as familias é básico”. Alejandra Pérez remataba propoñendo unha mellora nas infraestruturas como “seguinte reto”.

Servizo da atención temperá

A atención temperá está dirixida á poboación infantil de 0 a 6 anos e familias para solucionarlles o antes posible as necesidades que presentan con trastornos do desenvolvemento e facilitarlles a súa autonomía persoal e a inclusión social. As intervencións máis prevalentes están relacionadas con problemas de expresión psicosomática, socioafectiva ou na conduta, problemas na comunicación, na fala e na linguaxe e problemas derivados de síndromes e situacións de retraso psicomotor.

Trala publicación do Decreto 183/2013 polo que se creou a Rede Galega Atención Temperá, este servizo experimentou un crecemento constante, atendendo a 200 dos 315 concellos galegos. Nos últimos 8 anos, están operativos 44 servizos comunitarios que permiten que as familias poidan contar con apoios que detecten de xeito precoz se os seus fillos ou fillas de entre 0 a 6 anos presentan unha problemática no seu  desenvolvemento.

Durante estas xornadas, contouse coa participación de Gemma García Gómez, presidenta da Unió Catalana de Centres de Desenvolupament Infantil i Atenció Precoç (UCCAP) para explicar os orixes, a evolución e as propostas de futuro dos servizos de Atención Temperá en Cataluña e con Iago Pérez Santalla, Doutor en Humanidades e Servizos Culturais e Educador Social, autor da "Teoría do Ilímite" que trata de visibilizar, coa súa experiencia vital, os logros que se poden conseguir cando a persoa dispón de un entorno integrador e unha familia e unha sociedade que entende, comprende, apoia e axuda.

AGAT é unha asociación interdisciplinaria constituída en 1997 por profesionais que traballamos en Galicia en centros ou servizos de Atención Temperá, sexa no ámbito sanitario, social ou educativo, e co obxectivo de mellorar a calidade da prestación

AGAT ten actualmente 130 persoas asociadas e xestiona 4 unidades nas comarcas do Salnés, Deza e Bergantiños, unidades creadas en 2009 en convenio coa Xunta de Galicia co obxectivo de deseñar unha  carteira de servizos, perfís profesionais, metodoloxía de traballo en equipo, soportes, protocolos e módulos de formación para a creación dunha rede de servizos comunitarios específicos

Galería de imaxes