O Concello de Ribadavia e COGAMI renovan a súa colaboración para favorecer a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade

O alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron este mércores a renovación do convenio de colaboración que permite á entidade continuar prestando no municipio o seu servizo de Información, Asesoramento e Orientación para persoas con discapacidade, consolidando unha colaboración que ambas as dúas partes manteñen desde hai máis de dúas décadas.

O Punto de Información, Asesoramento e Orientación facilita ás persoas con discapacidade de Ribadavia e da súa contorna o acceso a servizos especializados sen necesidade de desprazarse, ofrecendo orientación laboral, formación, información, intermediación co tecido empresarial e acompañamento personalizado nos seus procesos de inclusión social e laboral.

Durante o acto de sinatura, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, agradeceu a colaboración do Concello e destacou a importancia de achegar estes recursos á veciñanza. "Esta colaboración formalizámola hoxe con este convenio, pero vímola mantendo desde hai máis de vinte anos. Trátase de achegar os servizos ás persoas con discapacidade para que non teñan que desprazarse para buscar emprego, acceder á formación ou participar noutras actividades relacionadas coa inclusión social", sinalou.

Queiruga tamén puxo en valor o traballo conxunto entre ambas institucións. "Este tipo de alianzas son imprescindibles porque ao final do que se trata é de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade que viven en Ribadavia e das súas familias", afirmou. Ademais, lembrou que COGAMI ofrece outros servizos complementarios, como asesoramento xurídico, atención social ou programas relacionados coa accesibilidade e a mobilidade, polo que o convenio tamén facilita a coordinación cos Servizos Sociais municipais.

Na comarca do Ribeiro hai actualmente 58 persoas inscritas na bolsa de emprego do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) de COGAMI, das que 35 pertencen ao Concello de Ribadavia, unha cifra que pon de manifesto a importancia de contar cun recurso de proximidade que facilite o acceso ás oportunidades de emprego e ao acompañamento especializado.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia subliñou que "para os concellos é fundamental prestar servizos á veciñanza e, neste caso, estamos ofrecendo un servizo máis de asesoramento, información e inserción sociolaboral para persoas con discapacidade, que é moi importante". Fernández Gil destacou tamén que a existencia deste punto de atención no municipio "evita ás persoas con discapacidade ter que desprazarse para recibir este asesoramento e esta información, podendo facelo directamente en Ribadavia, o que supón unha mellora moi importante no seu día a día".

O rexedor aproveitou tamén para lembrar o compromiso do Concello coa eliminación de barreiras e a accesibilidade universal. "Estamos facendo unha aposta moi importante por un Ribadavia máis accesible e máis inclusivo. Este ano incorporamos, por exemplo, a lingua de signos na Feira do Viño do Ribeiro e tamén na Mostra Internacional de Teatro, porque queremos que todo o mundo se sinta cómodo e participe da vida cultural e social do municipio", explicou.

Finalmente, Fernández Gil sinalou que "convenios como o que asinamos con COGAMI supoñen un paso máis e unha ferramenta máis para continuar mellorando a accesibilidade e a inclusión no noso concello".

A través deste convenio, o Concello de Ribadavia reafirma a súa colaboración con COGAMI e o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, facilitando que as persoas con discapacidade dispoñan dun servizo de proximidade que favoreza a súa autonomía, a súa inclusión social e o acceso ao mercado laboral.

Galería de imaxes

Todas