COGAMI organizou unha xornada formativa dirixida ao persoal laboral de entidades membro e centros de recursos sobre as novidades do baremo da discapacidade, o Real Decreto 888/2022, do 18 de outubro, e tamén da Lei 8/2021, de 2 de xuño, que reforma a lexislación civil e procesal para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.
Tendo como obxectivo traballar os cambios e as novidades lexislativas, as repercusións a nivel técnico e poñendo en común metodoloxías de traballo, nesta sesión formativa, organizada nas instalacións do edificio das asociación CABES de Santiago, participaron 53 profesionais representando a entidades e centros de recursos do movemento asociativo de COGAMI.
As traballadoras sociais, Patricia Vilas e Juani Tubío, foron as profesionais de COGAMI encargadas de explicar os principais cambios no baremo da discapacidade, traballando nas incidencias e recomendacións detectados durante os seis meses que leva de aplicación, poñéndoas en común entre as distintas entidades.
Nunha segunda parte traballouse nas implicacións que supoñen os cambios da lexislación civil para as entidades, dende as distintas situacións que poden darse ou requisitos legais para os distintos tipos de representación, así como indicacións xerais para traballar os Informes sociais solicitados dende os xulgados para establecer o sistema de apoios que precisan as persoas.