O programa GAVEA facilita a navegación adaptada a persoas da provincia de A Coruña

O programa GAVEA facilita a navegación adaptada a persoas da provincia de A Coruña

O Programa de Vela Adaptada GAVEA 2024 tivo lugar entre o 11 e o 19 de setembro na ría de Muxía, ofrecendo unha experiencia única para 36 persoas  procedentes da Serra de Outes, Arzúa, A Coruña, Cabana de Bergantiños e Val do Dubra. Esta iniciativa, que consistiu en bautismos de mar no veleiro Laion, de 13 metros de eslora, buscaba promover o acceso ao deporte adaptado e á cultura marítima entre as persoas con discapacidade.

Cada unha das actividades tivo unha duración aproximada de catro horas e incluíu unha sesión teórica sobre navegación a motor e a vela, ademais da oportunidade para que as persoas participantes manexasen o veleiro, recibindo os apoios necesarios, independentemente do tipo de discapacidade.

O obxectivo principal deste programa foi ampliar a oferta de deporte adaptado, fomentar o coñecemento e a integración no mundo da navegación e sensibilizar en relación á autonomía persoal das persoas con discapacidade. Ademais, buscábase que estas persoas se convertesen en axentes activos dentro do ámbito marítimo.

O proxecto GAVEA foi cofinanciado pola Deputación de A Coruña, cunha subvención de 2.280 euros, cubrindo o 40% do custo total do programa.

Galería de imaxes