Preto de cen persoas asistiron o pasado venres 3 de xullo á estrea da obra teatral "Se o sei, non veño", interpretada polas persoas participantes do centro de atención diúrna que COGAMI ten en Monte Porreiro. O Centro Cultural de Monte Porreiro encheuse de público para acompañar unha representación que puxo de manifesto o compromiso do centro coa participación, a creatividade e a inclusión social.
A montaxe foi o resultado de meses de traballo, ensaios e ilusión por parte do grupo de teatro do centro, baixo a dirección e acompañamento do voluntario José Manuel Lareu, quen achegou a súa experiencia no ámbito escénico para facer posible este proxecto.
Durante a mañá, o público respondeu con numerosas mostras de afecto, risas e aplausos, recoñecendo o esforzo e a dedicación das persoas protagonistas da representación. A xornada contou tamén coa colaboración de Carlos Cerviño e coa actuación do Grupo de Cantos Populares de Taberna Maiores de Pontevedra de Enrique, que contribuíron a crear un ambiente festivo e participativo.
Máis alá do seu carácter cultural, esta iniciativa tivo como obxectivo sensibilizar sobre as capacidades das persoas con discapacidade física, visibilizando o seu talento e promovendo unha imaxe normalizada da discapacidade a través das artes escénicas. O teatro converteuse, unha vez máis, nunha ferramenta para favorecer a participación social, romper estereotipos e avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva.
Coa excelente acollida recibida e a resposta do público, a estrea de "Se o sei, non veño" consolídase como unha experiencia moi positiva tanto para as persoas participantes como para a veciñanza, demostrando que a cultura é tamén un espazo de encontro, convivencia e inclusión.