Oito persoas rematan con certificado profesional un curso de tratamento de datos impartido por COGAMI en Ourense

Oito persoas rematan con certificado profesional un curso de tratamento de datos impartido por COGAMI en Ourense

Rosa, José Luis, Catalina yJavier  son catro dos alumnos e alumnas que se formaron en Ourense no curso de Operacións de Gravación e Tratamento de Datos e Documentos, impartido por COGAMI nas súas instalacións da rúa Farixa. O curso finalizou coa obtención do certificado de profesionalidade por parte de oito participantes (cinco homes e tres mulleres).

Esta formación, que se desenvolveu entre decembro de 2024 e a primavera de 2025, formou parte da programación 2024-2025 das Accións Formativas para Desempregados (AFD), cofinanciadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

O curso contou cun total de 458 horas lectivas, que incluíron os módulos de gravación de datos, tratamento de datos, textos e documentación, reprodución e arquivo, así como contidos transversais de inserción laboral, igualdade de xénero e sensibilización. A parte teórica completouse cun período de prácticas en empresas da provincia, fundamentais para a posta en práctica dos coñecementos adquiridos.

Desde as áreas de Emprego e Formación de COGAMI agradecen a colaboración de Asociación Aixiña, Viaqua SLU, Carrocerías Digal SAL, Academia Manzaneda SL, Centro de Estudios Profesionales de Galicia (Adams Ourense), Hospitales Cosaga SL, Valadrín SL (Academia Galespace Xinzo) e Fademga Plena Inclusión Galicia por acoller ao alumnado en prácticas e contribuír á súa formación profesional.

No mes de decembro iniciaban esta acción formativa 15 persoas (8 homes e 7 mulleres), procedentes de concellos como Ourense, Barbadás, Pereiro de Aguiar, O Carballiño e Xinzo de Limia. Todas elas tiñan recoñecida unha discapacidade ou unha incapacidade laboral para a súa profesión habitual e estaban en situación de desemprego, ademais de estar inscritas no Servizo de Emprego de COGAMI.

Con esta formación, o alumnado adquiriu competencias que lle permitirán mellorar a súa empregabilidade e avanzar cara a unha participación plena e efectiva no mercado laboral.

Galería de imaxes