Párkinson Galicia Coruña organizou as V Xornadas de Párkinson: Investigación e Innovación na EP

Máis de 200 persoas encheron o aforo do auditorio da Fundación Barrié de A Coruña para asistir á V Xornadas anuais de Párkinson, organizadas pola Asociación Párkinson Galicia-Coruña. En palabras da directora da asociación, Mila Oreiro “todas as persoas que participaron souberon poñer á persoa con párkinson no centro e contribuíron a visibilizar e informar sobre os síntomas, recursos e tratamentos que hai dispoñibles.”

Nestas xornadas puideron escoitarse voces profesionais procedentes do ámbito da medicina e investigación pero tamén de tres persoas usuarias da asociación, Pilar, Lito e José, que compartiron co público asistente os seus testemuños como participantes en estudos de investigación. Acompañados do neuropsicólogo José Freire, protagonizaron un dos momentos máis emotivos do día. "Animo a todas as persoas a participar na investigación, xuntos podemos axudar ao resto de persoas con párkinson e quen sabe?, quizá atopar un tratamento que cambie vidas” comentaba Pilar Valiño na súa intervención.

Dende a asociación Párkinson Galicia Coruña, o seu presidente, Antonio Ferreiro, aproveitou a xornada para agradecer o apoio recibido pola Consellería de Política Social  e Mocidade e da Fundación Degén, a Fundación San Rafael e a Fundación Barrié ademais de representantes de entidades que asistiron como da ACEM Santiago, a Asociación Parkinson da Provincia de Pontevedra Apropark, a Asociación Parkinson Lugo Aspalu e ao centro de día de Sada.

As xornadas contaron coa asistencia de varios especialistas en neuroloxía procedentes de varios hospitais de Galicia quen participaron nunha mesa redonda onde conversaron sobre os avances e investigacións que se están desenvolvendo no noso territorio. Para a directora da entidade, Mila Oreiro “ademais das duascentas persoas asistentes na sala conseguimos que outras tantas nos viran a través do noso streaming. Nestas cinco edicións sumamos máis de oitenta voces, oitocentos asistentes e máis de cinco mil visualizacións, chegando a ter impacto en lugares tan afastados como Nova York”.

Galería de imaxes

Todas