O Centro Cultural Torrente Ballester do Concello de Ferrol acolleu unha formación sobre accesibilidade enmarcada no proxecto RUMBO, un proxecto piloto experimental a nivel nacional financiado cos Fondos Next Generation que ten por obxectivo impulsar a autonomía persoal e a vida independente das persoas con discapacidade.
Un grupo formado por seis técnicos municipais das áreas de urbanismo e rehabilitación do municipio acudiu a esta formación que foi impartida por Ángela Labandeira, coordinadora do proxecto e Ana Castiñeiras, técnica de accesibilidade. A temática impartida estivo relacionada coa sensibilización no mundo da discapacidade e tamén sobre a accesibilidade universal.
Presentáronse diferentes solucións adaptadas de produtos de apoio en impresión 3D para uso nos fogares e abordouse a problemática actual de accesibilidade nos edificios existentes, as barreiras arquitectónicas máis frecuentes e as súas posibles solucións, ofrecendo unha visión da necesidade de adaptar as vivendas conforme á accesibilidade como mecanismo de prevención da institucionalización das persoas con discapacidade,
Cabe recordar os datos aportados polo Consejo General de Arquitectura Técnica en España, so o 0,6 % dos edificios en España son accesibles e segundo a Fundación Mutua de Propietarios, 100.000 persoas en España non poden saír á rúa por non ser accesibles os inmobles onde viven.