Persoas usuarias do centro de COGAMI en Mos saen a navegar coa colaboración da Asociación Cultural Remadoira

 Persoas usuarias do centro de COGAMI en Mos saen a navegar coa colaboración da Asociación Cultural Remadoira

Ano tras ano, dende hai unha década, as persoas usuarias do Centro que COGAMI ten en Mos participan nunha experiencia para repetir da man da Asociación Cultural Remadoira.

Todos os venres durante o mes de xullo as persoas con discapacidade usuarias do Centro de Mos tiveron a oportunidade de achegarse á navegación pola ría de Vigo en barcos tradicionais como son: dornas de Calime, botes de popa aberta e pechada, gamelas de Cabo de Cruz, bote de Ribadeo ou no carocho do río Miño.

O carocho de Remadoira é unha embarcación de ascendencia vikinga, construída seguindo a feitura dun carocho moi antigo que se dedicaba á carga de mercadorías no río Miño, o que lle dá unha grande estabilidade e amplo espazo, permitíndolle o acceso a persoas usuarias de cadeira de rodas e  a posibilidade de poder moverse. Tamén, ao contar cunha altura similar á do pantalán, facilita as transferencias dende o mesmo ata a embarcación.

Ademais de contar co apoio da Asociación Cultural Remadoira, a actividade de navegación foi posible coa colaboración da Agrupación Náutica San Gregorio, entidade pioneira en contar con pantaláns adaptados que permiten o acceso de persoas usuarias de cadeiras de rodas ás embarcacións.

Esta experiencia permitiu coñecer o manexo e a utilidade das embarcacións tradicionais así como gozar da navegación pola ría de Vigo á vez de aprender da nosa historia.

Galería de imaxes