COGAMI colabora con Concello de Ribadavia para visibilizar a problemática que atopan as persoas con mobilidade reducida cando se desprazan polos espazos e itinerarios das vilas e cidades.
Persoas usuarias da asociación Aixiña, profesionais de COGAMI e representantes municipais, de AJE Ourense e veciñanza de Ribadavia sentáronse en cadeira de rodas para experimentar as dificultades que atopa unha persoa usuaria de cadeira de rodas cando os espazos non están adaptados ás súas necesidades.
“Pretendemos que as persoas poidan comprender e poñerse no lugar das persoas que teñen discapacidade e son usuarias de cadeira de rodas, cales son as problemáticas que atopan no día a día”, expresaba Álvaro García, coordinador da área de Accesibilidade de COGAMI.
O percorrido iniciaba na Praza do Concello en dirección cara ao Museo, co que se pretendía que as persoas participantes neste xornada puideran apreciar as dificultades que existen ao desprazarse tanto polas beirarrúas como tamén polas prazas de aparcadoiro, polos bados ou mesmo ao cruzar a estrada.
“A impresión das persoas que participan é moi comprensiva coas problemáticas que hai que, en moitos casos, se descoñecen ata que nos temos que sentar nunha cadeira de rodas e tratar de movernos de maneira autónoma, sen que nos axuden”, explica Álvaro García.
Para levar a cabo esta actividade, COGAMI contou coa colaboración de Prim Establecementos Ortopédicos e Gerimedical. Estas ortopedias cederon as cadeiras de rodas para poder levar a cabo esta actividade en Ribadavia e outras anteriores xa realizadas en Santiago e Vigo.
Ponte no meu lugar é unha actividade que COGAMI iniciou por vez primeira no ano 2016 para que axentes políticos, sociais, empresariais, e a sociedade en xeral, vivan en primeira persoa a discapacidade, para que empaticen coas persoas con mobilidade reducida que atopan barreiras cando se desprazan por espazos que non están adecuados ás súas necesidades.