A Cidade da Cultura acolleu a presentación do Hub de Diversidade Dixital en Galicia, un acto que estivo organizado pola Fundación Integralia DKV,, COGAMI e Clúster TIC Galicia, e que contou coa presenza do Secretario Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia.
Neste acto presentouse a primeira promoción de dezaseis persoas con discapacidade que se formaron en Java que, en palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga “para as persoas con discapacidade a formación é unha ferramenta para a súa incorporación no mercado laboral, e as tecnoloxías supoñen unha oportunidade”.
O Hub de Diversidade Dixital en Galicia ten como obxectivo combater a fenda dixital das persoas con discapacidade de Galicia a través do deseño de itinerarios de emprego baseados na capacitación en competencias dixitais e na aprendizaxe en empresas. Durante a xornada falouse do impacto que ten a fenda dixital nas persoas con discapacidade, propoñendo como algunha das solucións inclusivas formacións como esta que, en palabras da directora xeral de Fundación Integralia DKV, Cristina González, “Java sitúa ao colectivo nas oportunidades de emprego para desenvolverse laboralmente”.
“O sector TIC galego xera máis de 22.000 empregos e ten máis de mil vacantes”, anunciou o presidente de Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez, quen anima a que se incremente a formación en competencias dixitais para resolver esta demanda de traballadoras e traballadores por parte das empresas do sector tecnolóxico, segundo explicou porque “hai grandísimas oportunidades”.
As intervencións remataron coa do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, recentemente aterrado da viaxe que vén de realizar por Uruguai. Fernández apuntaba “a importancia de colaboración entre diferentes institucións tanto públicas como privadas”.
O acto recolleu tamén a sinatura dun convenio entre COGAMI e Fundación Integralia DKV para seguir colaborando entre os dous organismos a favor da inclusión das persoas con discapacidade e pechou cunha mesa redonda sobre o Sector TIC, brecha dixital e emprego para as persoas con discapacidade en Galicia.
Nesta mesa presentouse a realidade e os desafíos do sector TIC en Galicia, como a formación en competencias dixitais pode reducir a fenda dixital e ser tamén unha fonte de oportunidades laborais, mellorando a calidade de vida das persoas con discapacidade e impactando de xeito positivo na súa contorna familiar e social.