Tirón de orellas aos concellos: o Tribunal Supremo establece que non poden limitar o dereito á praza a persoas con mobilidade reducida por non estar empadroadas

A finais de xullo publicouse a Sentenza 688/2025 do Tribunal Supremo, que establece doutrina respecto á interpretación da norma que regula a emisión e uso das tarxetas de estacionamento reservado para persoas con mobilidade reducida, o Real Decreto 1056/2014. En concreto, a sentenza afecta ao dereito recollido no artigo 7.1.a) do decreto, que permite solicitar á administración unha praza de estacionamento próxima ao domicilio ou ao posto de traballo.

O Tribunal Supremo determina que os concellos non poden esixir o empadroamento como requisito para conceder unha praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida, sempre que se acredite que o posto de traballo se atopa no municipio no que se solicita a praza, aínda que a persoa resida noutro termo municipal.

Este fallo do Tribunal Supremo, de obrigado cumprimento, implica que as ordenanzas municipais non poden restrinxir o exercicio deste dereito por razón de residencia, garantindo a igualdade de acceso ás prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida.

Non é a primeira vez que o alto tribunal se pronuncia sobre esta materia. En 2023, a Sentenza 3454/2023 xa determinara que a administración non pode elixir libremente a localización das prazas reservadas, senón que estas deben situarse tan preto como sexa posible do domicilio ou do posto de traballo, salvo que existan razóns de interese xeral debidamente xustificadas.

A Lei galega 10/2014 de accesibilidade recolle tamén esta obriga, indicando que os concellos deben reservar prazas debidamente sinalizadas próximas aos accesos peonís e garantir un número mínimo delas, independentemente das políticas restritivas de estacionamento. Ademais, a normativa estatal e autonómica establecen requisitos de deseño, sinalización e accesibilidade que deben cumprir estas prazas, tanto en espazos públicos urbanizados como en edificacións de uso público ou vivendas adaptadas.

Esta sentenza supón un avance relevante na garantía dos dereitos das persoas con mobilidade reducida, ao clarificar que o dereito á praza reservada debe basearse na necesidade e na proximidade, non no empadroamento. Esta interpretación obriga aos concellos a revisar as súas ordenanzas e procedementos para garantir a igualdade de acceso e o respecto á normativa vixente en materia de accesibilidade e inclusión.

Galería de imaxes

Todas