Todo preparado para o inicio do programa GAVEA 2026 para navegar pola ría de Camariñas

O Programa Galicia Vela Adaptada (GAVEA 2026) desenvolverase entre os días 8 e 18 de setembro coa participación de 70 persoas con discapacidade procedentes entidades que forman parte da Federación COGAMI Coruña. Financiada pola Deputación da Coruña, esta iniciativa ten como finalidade ofrecer a oportunidade de gozar do medio mariño a través da navegación dun veleiro adaptado a persoas con mobilidade reducida.

As entidades participantes nesta edición son ÍNTEGRO da Costa da Morte, AMARAI de Arzúa, ADISBISMUR de Muros, AVANTE de Val do Dubra, ALCER Coruña, APROM de Cariño, ASPAMITE de Teo ademais de persoas participantes do programa Autonomía+ de apoio a persoas con discapacidade do CEGADI. 

As sesións de navegación están programadas ao longo de dúas semanas, distribuídas en quendas de mañá e tarde, permitindo que as persoas participantes poidan achegarse ao medio mariño nunha contorna accesible, segura e adaptada ás súas necesidades. A través desta actividade, promóvense valores como o traballo en equipo, a confianza, a superación persoal e a convivencia.

Proxecto GAVEA

Iniciado en 2002 trala cesión do veleiro Laion incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional e cedido en garda e custodia á entidade membro de COGAMI, ADISBISMUR, conta con adaptacións específicas que facilitan o acceso e a participación de persoas con mobilidade reducida. Entre elas destacan un guindastre na botavara para embarcar dende o pantalán e un winche eléctrico con pulsador que simplifica o manexo das velas.

Con base no porto de Muxía, as travesías, sempre que o tempo o permita, desenvolveranse en quendas de mañá (11:00-14:00 h) e de tarde (16:00-19:00 h). Para poder levar a cabo esta experiencia, o proxecto GAVEA conta, ademais da financiación que lle achega a Deputación da Coruña, coa colaboración da asociación Cataventos, a través das persoas voluntarias.

Galería de imaxes

Todas