Na XXVI Asemblea Xeral Ordinaria celebrada pola Federación provincial COGAMI Coruña, representantes de entidades con dereito a voto e membros da xunta directiva apoiaron, por unanimidade, a entrada de dúas novas entidades representativas da discapacidade orgánica: UGADE (Unión Galega de Epilepsia) e ACCU Coruña (Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa da provincia de A Coruña).
A esta asemblea asistiron as presidencias das dúas entidades incorporadas, Luísa Martínez Castro de UGAPE, e José Mª Lapido de ACCU Coruña, acompañadas de membros da xunta directiva, Mar Caamaño e Virna Santana, respectivamente. As dúas presidencias coincidiron en agradecer a súa entrada na Federación por considerar que lles permitirá chegar a máis xente e contar con máis apoio ao formar parte dunha organización tan representativa.
Con estas dúas novas incorporacións, a Federación COGAMI Coruña conta cun total de trinta entidades membro que, á súa vez, veñen a supoñer un total de sesenta entidades as que conforman o movemento asociativo de COGAMI.
Unión Galega de Epilepsia, con punto de atención en Santiago, na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES) e tamén no Espazo Asociativo do Hospital Meixoeiro de Vigo, constituíuse no ano 2000 como unha asociación sen ánimo de lucro dirixida ás persoas con epilepsia e familias, coa que pretende que todas as galegas e galegos con epilepsia teñan unha boa calidade de vida.
Esta entidade ten como obxectivos promover a integración social, laboral, escolar e familiar das persoas con epilepsia, sensibilizar, ofrecer apoio, asesoramento e información, prestar apoio xurídico, conseguir a creación de servizos que contribúan a mellorar a calidades de vida das persoas con epilepsia e establecer unha estreita relación e colaboración con entidades privadas e públicas, e cos servizos de sanidade e de saúde.
ACCU Coruña foi fundada en 1993 para garantir a atención en todos os aspectos da vida das persoas con enfermidades inflamatorias intestinais crónicas e familias. Entre os obxectivos destacables desta entidade, con sede na cidade de A Coruña, están: facilitar información sobre a enfermidade, para que a persoa afectada teña maior coñecemento sobre síntomas, tratamentos e complicacións que poida haber; sensibilizar, difundir material didáctico e informativo, fomentar a creación de grupos de axuda mutua, ofrecer asesoría xurídica, informar sobre profesionais da medicina e hospitais de referencia e organizar charlas impartidas por especialistas.