• Novas
  • 01 de marzo de 2019

A Alcaldesa de Mos comparte cea coas persoas usuarias da vivenda tutelada

A Alcaldesa de Mos comparte cea coas persoas usuarias da vivenda tutelada


Esta non foi unha cea habitual na vivenda tutelada que ten COGAMI en Mos. Nesta ocasión, contaron cunha invitada que non só se presentou a cear, senón que participou na elaboración e preparación do menú.

A alcaldesa de Mos, Nadia Arévalo, xa o anunciara cando se inaugurou a principios de febreiro esta vivenda, ao ter expresado a súa intención de poder compartir unha cea coas cinco primeiras persoas que estrearon este proxecto denominado Independízate, unha oportunidade para mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade física.

E así foi, a Alcaldesa, xunto ao presidente da Federación COGAMI-Pontevedra, Ángel Holguera, acompañaron a Ramón, Antonio, Vanesa, Nara e Araceli na preparación do menú e na colocación da mesa.

De primeiro houbo ensalada, de segundo pasta e ata postre cociñaron, todo foi elaborado por elas e eles e todo, por suposto, foi degustado nun ambiente moi distendido, como adoitan ser as ceas entre amizades.

Esta vivenda ten por obxectivo adestrar a 15 persoas en habilidades para a vida autónoma, tendo a disposición persoal de apoio que lles acompañará no seu proceso de aprendizaxe. Este programa está financiado pola Fundación “la Caixa” e tamén se financiou coa doazón da venda de entradas da organización do V Festival Solidario que tivo lugar en Mos e que organizou Xuventudes Socialistas.