• Novas
  • 06 de marzo de 2019

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia desenvolve o proxecto de linguaxe inclusiva ‘Comunica a Conciencia’

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia desenvolve o proxecto de linguaxe inclusiva ‘Comunica a Conciencia’


Por segundo ano consecutivo e, tras o éxito acadado o ano pasado, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) volve realizar o proxecto ‘Comunica a Conciencia’’, que consiste no desenvolvemento de obradoiros sobre linguaxe inclusiva e non discriminatoria dirixidos a persoas profesionais e futuras persoas profesionais.

Financiado pola Fundación ONCE, o proxecto ‘Comunica a conciencia’ xurde para dar resposta á necesidade de comprender a importancia de usar unha linguaxe que represente a todas as persoas, de maneira simétrica e precisa. Enténdese por linguaxe inclusiva e non discriminatoria aquela que nomea, non discrimina, nin ignora ás persoas, con independencia da súa condición de xénero, clase social, etnia, idea, orientación sexual,... Todas as persoas son tratadas con respecto e por igual, evitando os termos que poidan resultar ofensivos e se basean en estereotipos.

Na edición pasada, leváronse a cabo 3 obradoiros nos que participaron un total de 45 persoas, as cales tamén fixeron aportacións ao glosario do corrector, que se lles pasou unha vez rematado para o seu uso e difusión. Ademais, foron preto de 150 persoas as que descargaron o corrector da entidade nos meses seguintes.

Nesta edición, os obradoiros estanse a desenvolver na Escola de Tempo Libre Arenaria de Padrón, en Cáritas de Santiago, na Cruz Roja de Santiago e na Montessori Compostela. Todos están dirixidos ao estudantado do eido social, a persoal de centros educativos e tamén a entidades que loitan en prol da igualdade das persoas, tendo por finalidade a sensibilización para o emprego dunha linguaxe que non discrimine e nomee a todas as persoas, utilizando termos inclusivos.

Os obradoiros consistirán no tratamento de diferentes temáticas relacionadas coa linguaxe, con especial fincapé na necesidade de mudar aquelas palabras que poidan resultar ofensivas ou excluíntes e que se empregan á hora de comunicarnos.

O corrector informático, ‘Ventana inclusiva’, desenvolvido por Imaxin|Software, pódese descargar gratuitamente dende a páxina web de ACADAR www.acadar.org . Nas próximas semanas estará dispoñible para o programa Microsoft.