• Novas
  • 09 de abril de 2018

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia finaliza o proxecto Comunica a Conciencia con éxito de participación

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia finaliza o proxecto Comunica a Conciencia con éxito de participación

Despois de tres meses, remata o proxecto ‘Comunica a Conciencia’’ para detectar a linguaxe sexista e discriminatoria que levou a cabo a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) é que financiou a Fundación ONCE.

Nesta primeira fase que rematou, desenvolveuse unha investigación que permitiu elaborar o glosario do corrector informático denominado Ventá Inclusiva, unha aplicación que detecta a linguaxe sexista e discriminatoria, reformulándoa ofrecendo termos non sexistas e inclusivos.

A iniciativa do proxecto “Comunica a conciencia” xurde como unha necesidade de comprender a importancia de usar a linguaxe dun xeito que represente a mulleres e homes con simetría e precisión. Ponse en marcha co afán de sensibilizar aos colectivos de profesionais e futuras persoas que se integrarán neses grupos para crear conciencia no emprego de termos inclusivos, que permitan comunicar por e para todas as persoas independentemente das súas características.

A linguaxe que empregamos serve para incluír ou excluír a unha persoa do conxunto, mostrando así unha realidade. A linguaxe inclusiva e non discriminatoria é aquela que nomea, que non discrimina nin ignora ás persoas, sexa cal sexa a súa condición de xénero, clase social, orixe, idade, ....

O programa Comunica a Conciencia desenvolveu obradoiros dirixidos a profesionais e futuras persoas profesionais no Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, no Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e na Escola Universitaria de Traballo Social da Universidade de Santiago de Compostela. Durante as prácticas,  fíxose especial fincapé na necesidade de mudar as palabras que utilizamos cando nos comunicamos, impulsando o uso de termos inclusivos e non discriminatorios entre os profesionais considerados como axentes de cambio, ao mesmo tempo que se buscou o enriquecemento da ferramenta informática cos exemplos aportados nas diferentes sesións. O resultado foi moi satisfactorio, tanto por parte do persoal técnico de ACADAR como das 45 persoas participantes nos obradoiros, quen amosou o seu grao de satisfacción a través de cuestionarios de avaliación.

Esta primeira versión do corrector informático, desenvolvido por Imaxin|Software, pódese descargar gratuitamente dende a páxina web de ACADAR, e está dispoñible para a aplicación Writer do paquete ofimático libre Libre Office 5.3.0. na súa versión para Windows.