• Novas
  • 21 de septiembre de 2018

A Asociación Galega de Linfedema (AGL) pon en marcha o Servizo de Fisioterapia especializado en Linfedema

A Asociación Galega de Linfedema (AGL) pon en marcha o Servizo de Fisioterapia especializado en Linfedema


A Asociación galega de Linfedema (AGL), entidade membro de COGAMI, desenvolverá durante este ano 2018 un servizo de fisioterapia especializado en linfedema, co que pretende mellorar as capacidades de cada persoa usuaria deste servizo, co fin de facilitarlle a autonomía persoal a través da integración social e laboral.

Un total de 100 persoas, preferentemente mulleres do rural,  son as que a asociación AGL pretende beneficiar coa posta en marcha deste servizo que está financiado coa subvención de 6.000 euros procedentes do 0,7% do IRPF da Consellería de Política Social, 18.000 euros financiados pola Fundación ONCE e 12.500 euros da Deputación de A Coruña. Ademais, este proxecto enmárcase no programa de COCEMFE de Atención integral dirixida á promoción da autonomía persoal das persoas con discapacidade.

Os lugares onde se está a levar a cabo este programa son:

Santiago de Compostela, onde atenden a 30 persoas; A Coruña son 4 as persoas que reciben fisioterapia; en Baio 1 persoa; en Vigo son 9 persoas; en Ferrol atenden a 6 persoas; en Pontevedra son 7 as atendidas; en Vilagarcía son 8 persoas; en Lugo hai 3 persoas no servizo de fisioterapia especializado e en Ourense son 27 as persoas con linfedema atendidas.

Segundo sinala a Sociedade Española de Anxioloxía e Cirurxía Vascular (SEACV) e a Sociedade Española de Rehabilitación e Medicina Física (SERMEF), máis de 900.000 persoas en España padecen un linfedema e, se estima que só en linfedemas secundarios asociados a intervencións de cancro de mama, 3.000 mulleres cada ano van desenvolver linfedema en España.  En Galicia, calcúlase que son unhas 50.000 persoas afectadas de linfedema.

O Linfedema (alteración do sistema linfático) é unha enfermidade grave, crónica, e progresiva, con evolución lenta, que proporcionalmente afecta ás mulleres. Non existen fármacos ou intervencións cirúrxica eficaces, sendo actualmente o tratamento fisioterapéutico especializado o máis efectivo para impedir o empeoramento da doenza.

A Sanidade Pública Galega non conta con fisioterapeutas con especialización suficientes, motivo polo que AGL pon en marcha o Programa de Fisioterapia especializada en Linfedema, co fin de reducir os efectos incapacitantes desta doenza, favorecendo a autonomía persoal, a mellora da calidade de vida e, con esta, as posibilidades de integración social e laboral das persoas afectadas.