O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron na sede da Deputación un convenio de colaboración entre os dous organismos para fomentar a inserción laboral das persoas con discapacidade da provincia. A entidade provincial realiza unha achega de 105.000 euros.
Os dous presidentes aproveitaron a ocasión para analizar os resultados do Servizo de Intemediación, Orientación e Prospección do Emprego de COGAMI durante este primeiro semestre de ano, servizo que conta co apoio económico da Deputación, e que facilitou a inserción de 514 persoas, sendo o 57 % homes e o 43 % mulleres.
O servizo de Emprego de COGAMI conta cun equipo formado por 12 profesionais de orientación en A Coruña, Ferrol e Santiago que tamén se desprazan ata os municipios de ámbito rural para atender as necesidades das persoas destas zonas, como o 63 % das persoas inseridas proceden do ámbito rural.
Base de datos con 7.814 persoas inscritas
O servizo de emprego realizou 296 novas entrevistas a persoas con discapacidade que entraron a formar parte da súa base de datos como demandantes de emprego e/ou formación, contabilizando 7.814 persoas inscritas na provincia, sendo o 58 % homes e o 42 % mulleres.
Este servizo realizou 1.798 orientacións, xestionou 259 ofertas de emprego por parte de empresas da provincia, sendo os sectores de maior empregabilidade os relacionados coas actividades industriais de limpeza, transporte, agricultura, comercio, industria manufactureira e de reciclaxe.
Ademais do servizo de intermediación laboral, ofrecen servizos de formación cara ao emprego. Durante este semestre impartíronse 9 cursos na provincia de acompañante de transporte, actividades administrativas e auxiliares, alfabetización dixital, atención ao cliente, conserxe recepcionista, operacións auxiliares e servizos administrativos, operario de xestión e servizo polivalente de servizos 2.0 nos que participaron 96 persoas.