Co fin de promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade, a Deputación de Ourense financia o Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) que COGAMI ten na provincia.
Este servizo de Emprego desenvolve accións encamiñadas á mellora cuantitativa do logro da inserción laboral do grupo social das persoas con discapacidade na provincia, como a de informar, orientar e asesorar laboralmente ás persoas usuarias do servizo coas que se mantén unha entrevista individualizada co obxectivo de deseñar un perfil laboral adaptado ás necesidades que demande a persoa.
O servizo tamén realiza intervención social complementaria, traballa coa contorna da persoa cando é necesario, realiza intermediación laboral co tecido empresarial e traslada información ás empresas en materia da discapacidade e contratación, ofrecendo asesoramento e apoio, xestionando ofertas de emprego, impartindo formación e realizando seguimentos das persoas usuarias inseridas laboralmente.
A finais de 2022 o servizo de Emprego de COGAMI contaba con 2.116 persoas inscritas na súa base de datos da provincia de Ourense. A atención realízase tanto nas instalacións da cidade, situadas no centro integral Aixiña da rúa Farixa, nº3B, baixo, pero tamén o equipo de orientación desprázase ata concellos da contorna rural para atender ás persoas usuarias.
A día de hoxe, contabilízanse 165 persoas inseridas no mercado laboral a través do servizo de Emprego que ten COGAMI en Ourense.